miércoles, 26 de junio de 2013

Ola a tod@s!



Ola a tod@s!

Son Bárbara e,como vou marchar uns días de vacacións, quérovos deixar algún textiño para que vaiades traballando con Carmela,porque xa empezades en breve cos talleres de verán.
Tendes normas de como facer un comentario,un esquema básico,que podedes usar de guión para a elaboración dos comentarios.
Intentádeos facer,que á volta, xa volos corrixo. Andarei por aquí o 10 de xullo,así que non falta moito!
Gozade de verán(se é que dá chegado), descansade e facede un oco para traballar un pouquiño, que setembro está a dous pasos.
Felices vacacións!!

COMO COMENTAR UN TEXTO 
1. Lectura comprensiva 
Antes de analizar o texto debemos lelo con atención. Podemos realizar unha lectura rápida para obter unha visión global do contido. A continuación, procederemos a unha lectura lenta para subliñar e esquematizar as ideas fundamentais do texto. Pode resultar moi útil empregar as marxes do texto para facer anotacións e apuntar todo aquilo que nos vaia suxerindo o texto: ideas fundamentais de cada parágrafo, temas tratados, razoamentos que nos agraden, molesten ou nos chamen a atención… Este é tamén o momento adecuado para resolver as dúbidas léxicas. 
2. Resumo do contido do texto 
Un bo resumo debe ofrecer as ideas fundamentais do texto de forma coherente, breve, precisa, clara e lingüisticamente correcta. Para isto, é necesario eliminar os exemplos e anécdotas e quedarmos co fundamental. Agora non debes incluír as túas opinións senón ofrecer as ideas claves do texto.Procura que a túa redacción posúa un estilo propio e en ningún caso copies ou repitas frases textuais.
3. Tema do texto 
Debes escribir a idea fundamental do texto, expresada de forma obxectiva, breve, clara e precisa. Nunha ou dúas liñas.

4. Estrutura do texto 
As ideas dun texto aparecen cunha determinada ordenación.É conveniente que expliques cómo procedeu o autor e cómo organizou esas ideas, cómo as enlazou (partindo do concreto para acabar no xeral ou viceversa; xirando sempre en torno a unha idea principal, etc).

5. Tipoloxía textual e caracterización lingüística 
Determinaremos razoadamente a qué tipoloxía textual pertence o texto que analizamos: narrativa, expositiva, argumentativa… Sinalaremos tamén quén é o autor do texto, en qué ámbito apareceu (periodístico, humanístico, científico) e cales son os seus destinatarios.

6. Comentario crítico 
Debemos partir das ideas expresadas polo autor no texto para desenvolver o noso propio punto de vista sobre os temas plantexados. Non se trata dun comentario da estrutura do texto, nin da análise da forma ou os recursos estilísticos. É un comentario crítico e sobran, polo tanto, as análises lingüísticas,
literarias ou estruturais.
Trátase de expoñer ou non xuízo crítico, razoando sobre o que o texto expón, asentindo, disentindo ou matizando o contido. Agora é cando deben xurdir, de maneira ordenada, os nosos puntos de vista sobre o tema, relacionando os coñecementos que aporta o texto cos nosos propios coñecementos. As mellores ferramentas para este fin son a reflexión e a asociación
Elaborar un comentario crítico non consiste en ofrecer expresións do tipo: gustoume moito este texto, estou completamente de acordo co tema plantexado, eu puntuaría o texto cun 7… 
Elaborar un comentario crítico consiste en: 
- Analizar desde un punto de vista crítico as ideas expostas no texto.
- Reforzar as teses expostas polo autor con argumentos propios ou refutar as ideas do texto a partir das nosas.
- Relacionar o tema con outros temas e con outros autores que tamén o tiveran tratado.
- Relacionar o texto con lecturas, ensaios, películas,... que leras ou viras e que traten o mesmo tema, desde o mesmo ou desde outro punto de vista.
Para redactar O comentario crítico, ten en conta os seguintes consellos: 
a. Antes de elaborar o noso comentario crítico debemos interpretar as ideas do texto (¿Qué quere dicir o autor? ¿Estamos de acordo ou non? ¿Por que?), analizar os argumentos empregados (¿De que maneira intentou convencernos o autor? ¿Conseguiuno? ¿Que outros argumentos podería ter empregado? ¿Que contraargumentos podemos aportar nós? 
b. Ao redactar o noso texto seguiremos a estrutura dun texto expositivo-argumentativo: 

 INTRODUCIÓN (un parágrafo). Hai que comezar dicindo brevemente cal é o tema do texto, expoñer brevemente a postura do autor 
A MIÑA TESE (un parágrafo). Neste parágrafo debemos enunciar a nosa postura sobre o tema, con claridade e concisión. O que aquí se diga vai dar coherencia a todo o comentario 
ARGUMENTACIÓN (dous parágrafos). Aquí imos argumentar a nosa tese, amosando as razóns que apoian a nosa posición. Os argumentos que se aporten pódense poñer en relación cos do texto pero temos que ofrecer argumentos propios e orixinais. Debemos expresar a nosa posición ante o exposto polo autor, ben sexa corroborando, refutando ou matizando o que aparece no texto. 
CONCLUSIÓN (un parágrafo). Aquí elaboraremos un parágrafo de peche no que podemos reforzar a nosa tese, demostrando a nosa madurez e personalidade
c  En xeral, se respectuoso co autor do texto. Soe ser unha persoa informada e que coñece ben (probablemente mellor ca ti) o tema que trata. 
d. Debes ofrecer as túas ideas con claridade e coherencia, sen renunciar a certo grado de orixinalidade. Fuxe de palabras que descoñezas, emprega un léxico variado, coidando a organización sintáctica e textual. 
e. Nunca empregues o texto como pretexto para comentar cuestiones secundarias ou alleas ao tema. Céntrate no comentario ofrecendo argumentos razoados e ben elaborados. 
f.Cuando o texto o permita, demostra que tes asumidos valores como o respecto,o aprecio e a solidaridade cara á aqueles colectivos discriminados socialmente por razóns sexuais, económicas, lingüísticas, étnicas, etc. Evita apoloxías da violencia, o terrorismo, a ditadura, a xenofobia o o fascismo. 
g.. Cando desexes evitar alusións directas, podes empregar o plural de modestia, as preguntas retóricas (¿Non é acaso certo que...?) ou as oracións impersoais e pasivas (Sóese comentar…; . – Evita o emprego de frases feitas, expresións coloquiais, etcétera.
h. Podes usar algún destes adxectivos para referirte ao texto obxecto de comentario: interesante, útil, oportuno, adecuado, conveniente, enriquecedor, iluminador, cautivador, atractivo, motivador, novidoso, acertado, mesurado, razoable, crítico, aberto, razoado, dialogante, ben enfocado, ben argumentado, sólido, apaixoado, esclarecedor, clarificador, moderado; Ou ben: tópico, recorrente, insulso, decepcionante, manipulador, perigoso, parcial, desmesurado, oportunista, desenfocado, ambiguo, demagóxico, clásico, inxenuo, repetitivo

No hay comentarios: