viernes, 19 de agosto de 2016

Castros na Comarca de Noia


COMARCA DE NOIA


LOUSAME

  • Castro de Comparada: Presenta unha croa circular arrodeado por unha muralla.
  • Coto do Castro: Dise que foi construído polos mouros.
  • Castro de San Mamede: Neste castro atopouse un cuncheiro. Segundo a lenda hai un túnel cheo de tesouros custodiado polos mouros. Tamén se di que hai unha pedra que ao golpeala escóitanse unhas campás.
  • Castro de Servia: Levántase sobre un cantil nun meandro do río Vilacova que actúa como defensa natural. Pola parte menos defendible conserva restos dunha muralla.
  • Ara de Lesende: No ano 2006, Iago Ugorri Serantes descubriu unha ara reaproveitada nunha parede na casa reitoral de Lesende que pertencería a un habitante indíxena romanizado. A inscrición di: "Marco Valerio ofrece este voto a Navia polos seus méritos". Datada entre finais do século II ou principio do III despois de Cristo.

NOIA

  • Castro de Punta Barquiña: Na zona da Barquiña hai un illote coñecido como As Pedras de San Bartolomeu, onde se di que estaba a capela perdida do santo. Conta a lenda que os veciños podían ver as súas campás cando baixaba a marea. Tamén se di que no fondo do mar atopáronse basas, columnas e restos dun templo de época romana. Sobre isto non se coñecen restos pero si sobre o asentamento castrexo onde apareceron varios útiles coma un muíño de man que garda un veciño do lugar. Tamén saíron á luz restos cerámicos. Consérvanse restos dunha muralla, interrompida por unha estrada e que logo continúa cara o mar. Deste castro xa fala Murguía no século XIX. 
  • Castro de San Lois: Situado a 360 metros sobre o nivel do mal. En mal estado de conservación, pódense ver restos das murallas defensivas. A instalación dunha antena de televisión no ano 1982 continúa a ser motivo de conflito entre a Xunta e o Concello que solicitou o traslado da antena para poñer en valor o xacemento.
  • Castro de Sobreviñas: Na Punta da Barquiña. Conserva restos dos muros.
  • Castro de Taramancos: No mes de setembro de 2011, o Concello de Noia denunciou a destrución polas máquinas que están a traballar no viaduto sobre a ría de vivendas de época castrexa e dun muro romano. 
  • Poboado de Espiñeira (Taramancos-Boa): Trátase dun asentamento cunha cronoloxía que vai dende a Idade do Bronce ata época tardorromana. Foi escavado de urxencia pola construción da estrada de Noia a Portosín, aparecendo dúas vivendas da Idade do Ferro, varios cuncheiros, foxas e un muro. Chama a atención a súa falta de elementos defensivos, feito que se considera moi atípico na zona. Grave risco de desaparición.

OUTES

  • Castro de Brión: Mal estado de conservación. As pedras das murallas f0ron reaproveitadas para construír as casas do lugar.
  • O Castelo: Sobre un outeiro pedregoso. Non se aprecian defensas artificiais. Ao parecer tivo unha muralla que arrodeaba o recinto.
  • Castro Coiradas: Castro costeiro. De pequenas dimensións, presenta forma ovoidal. As súas pedras foron utilizadas para construír o porto do Conchido. Agrafoxo atopou no seu interior un cuncheiro, con restos de bivalvos, peixes e outros mariscos. O estado de conservación é malo debido aos labores agrícolas, ademais da extracción de pedra; no ano 1995 abriuse unha pista que o atravesou, arrasando as murallas exteriores e interiores. Cando o propietario vendeu os terreos, puxo unha condición: que se aparecía a galiña de ouro da lenda, a pita pasaría a ser da súa propiedade. 
  • Castro do Freixo: Presenta un recinto ovalado arrodeado por un terraplén e vestixios dun parapeito que envolvía a croa. 
  • Castro de Valadares: Emprazado nunha pequena elevación dun terreo chan, as condicións naturais de defensa son escasas. Consta de dous recintos ovais unidos entre si, un deles actúa como antecastro que defende o poboado pola parte máis vulnerable. O recinto principal está protexido por un parapeito. 
  • Castro de San Ourente: Presenta un só recinto de forma circular, defendido por un parapeito.

PORTO DO SON  

  • Castro de Baroña: Descuberto no ano 1933. Trátase dun castro costeiro situado nunha pequena península rochosa que foi ocupado durante un curto espazo de tempo (entre os séculos I a.C. e I d.C.). Ten unha muralla protexida por un foxo que arrodea o itsmo a xeito de antecastro. No interior pódense ver construcións circulares e ovais, e tamén algunha rectangular, destinadas a vivendas, almacéns, obradoiros, etc. Dende aquí parte unha escaleira que permite acceder a unha segunda plataforma de onde parte un carreiro que bordea un cantil duns 25 metros de altura que leva ata unha terceira plataforma con restos de muralla. Atopáronse cuncheiros, crisois, escouras de fundición, anacos de ánforas, fíbulas, muíños de man e cerámica. Salienta o achado dunha arracada de ouro. Diante do grave deterioro que está a padecer o castro, o alcalde de Porto do Son declarou (20-02-2011) que ía estudar as vías xurídicas para prohibir o acceso ao xacemento se o departamento da Xunta de Galicia non se fai cargo da súa rehabilitación. Segundo un estudo realizado pola Xunta, son os turistas, que sen ningún tipo de control visitan cada verán o castro, os causantes do seu estado actual. No mes de maio de 2014 os arqueólogos encargados da consolidación e rehabilitación do castro atopáronse con novos derrubes causados, posiblemente, polos temporais do inverno pasado. Declarado BIC.
  • Arracada de Baroña: Datada no cambio de era, foi a primeira en atoparse nun proceso de escavación da Cultura Castrexa.
  • Castro de Burleu: a súa situación estratéxica facíanno practicamente inexpugnable. Consérvase restos dun pequeno muro.
  • Castro de Enxa: Forma ovalada con dúas liñas defensivas con grandes pendentes. O recinto máis elevado estaba arrodeado por unha muralla que na actualidade fica practicamente desfeita.


  • Castro de Porto Nadelas: Costeiro, situado nun promontorio rochoso que se adentra no mar.


Como este proxecto realizábase un día a semana durante o mes de agosto, só nós centramos nun tema: os castros e a prehistoria. Para o novo curso, seguiremos neste traballo, atopando e estudando información sobre restos da prehistoria nas dúas comarcas: restos, petroglifos, mámoas, dólmens, etc...



  • Carlos Calo
  • Eloy Nieto
  • Paula Tomé
  • Brais
  • Sarai 
  • Paula Caamaño

Ó rematar agosto, subiremos o resto dos traballos realizados polos alumnos.


Mónica

No hay comentarios: