lunes, 5 de marzo de 2012

Luns, 5 de marzo de 2012

Ola a todos e a todas,
Son Bárbara Carballo, a técnica de Normalización Lingüística do Concello de Outes, e o venres comecei a axudar a Carmela coas clases de apoio e cos talleres de comprensión.
A experiencia foi marabillosa! Carmela e máis eu non tivemos tempo nin de mirarnos! É tal o traballo que hai, que as tres horas pasaron voando.
Como técnica de normalización e como profesora de lingua, considero que esa actividade que o Concello de Outes ofrece é importantísima. Moitos nenos e nenas non comprenden o que len, polo tanto, non poden saber estudar. Daí que Carmela crease o taller “ Aprender a aprender”, co que seguiremos traballando diariamente Carmela e máis eu. Temos a sorte de que unha amiga informática, Marisol, que é a presidenta da Anpa Río Tines, de maneira voluntaria, nos axuda cos arranxos deste blog.
Que o alumnado aprenda a entender, que aprenda a escoitar, que aprenda a aprender vai ser fundamental para o seu desenvolvemento hoxe e nun futuro.
Permitídeme incluír unha cita de Josep M. Espinàs, un avogado, escritor e periodista catalán que dixo “ A maioría dos adolescentes séntense moi inseguros cando teñen que explicar algo(...) Redactar correctamente é ante todo un problema técnico e que debe resolverse a tempo para que non se convirta nun problema máis importante
Todos/as sabemos que a vida moderna esixe un completo dominio da escritura,xa que, quen non ten que redactar algunha vez unha instancia, unha carta, un correo electrónico, un exame..?
ESCRIBIR é moito máis que coñecer o abecedario. É ser capaz de expresar información de forma coherente e correcta para que a poidan entender outras persoas.
Desde este blog queremos axudar a todas aquelas persoas que o precisen: alumnado, pais, nais... pero sobre todo, queremos dar todo o noso saber, o noso cariño e o noso apoio aos/ás rapaces e rapazas que asisten presencial ou virtualmente ás clases e obradoiros, porque eles e elas son o futuro e necesitan estar moi preparados e preparadas para enfrontarse ao día de mañá.
O noso gran de area aportarémolo cada día. Hoxe aporto o meu primeiro para todos/as vós!

No hay comentarios: